Exames de avaliación: están ben organizadas as súas probas?

 

Nun mundo cada vez máis globalizado, as linguas estranxeiras ocupan cada vez un papel máis importante nos estudos da xente nova. Independentemente da profesión, a gran maioría da xuventude española quere, ben por iniciativa propia ou ben por presión familiar, aprender un idioma distinto ao seu desde cativa. Proba disto é a gran cantidade de rapaces e rapazas que se examinan cada ano de inglés ou, en menor medida, de francés, portugués, alemán ou italiano, entre outros. Un idioma que tamén está a coller moita importancia é o chino, dada a importancia económica do país asiático.

Independentemente de que idioma tratemos, como vimos no tema 2 da materia dedicada a este documento que nomeo a continuación, o Marco Común Europeo de Referencia das Linguas (MCER) recolle os baremos que se deben usar á hora de dar un certificado de nivel en lingua estranxeira e unifica os saberes que debe conter cada etapa. De menor a maior, temos: PRE A1, A1, A2, B1, B2, C1 e C2. O título máis común é o B1, aínda que cada vez máis xente se anima a ir a por un B2 en lingua estranxeira, mentres que os verdadeiros amantes das linguas chegan aos niveles avanzados de C1 e C2. Porén, as persoas que nos temos examinado en máis dun somos capaces de darnos conta das grandes diferenzas que hai entre uns exames e outros. En concreto, quérome centrar no caso do C1 de Cambridge e do C1 da Alliance Française.

En calquera dos dous casos temos catro grandes bloques, que se corresponden con destrezas lingüísticas básicas dunha lingua: a comprensión oral, a comprensión escrita, a produción oral e a produción escrita. Para que todos nos entendamos, unha parte de escoitar, o que, por influencia do inglés como principal lingua estranxeira, todos coñecemos como listening; o reading, no que temos uns textos sobre os que debemos contestar a unha serie de preguntas a partir do que lemos neles; o writing, no que debemos escribir un tipo de texto concreto como por exemplo unha carta informal, unha queixa, un artículo... e por último o speaking, no que debemos manter unha conversa co noso examinador e nalgunha parte cun compañeiro ou compañeiros sobre distintos temas que vaian xurdindo a medida que se fai a proba oral. No caso de Cambridge, debemos lembrar tamén a existencia dunha parte de gramática, o coñecido como Use of English, que simplemente serviría para avaliar o coñecemento teórico do idioma.

A gran diferenza que calquera pode ver a simple vista, entre os exames de certificación de inglés e francés, é a sinxeleza do DALF C1 contra a dificultade do CAE. Hai incluso quen di que o C1 de Cambridge non acredita que teñas ese nivel na lingua, senón que coñeces ben o exame que estás a facer, é dicir, que se non preparaches con anterioridade o modelo de exame é moi complicado que chegues a aprobalo á primeira. Algo que non ocorre co da Alliance Française, moito máis sinxelo para alguén que coñece a lingua, pero non o formato da proba. Polo tanto, podemos entrar nun debate no que nos preguntemos se verdadeiramente certos exames de nivel son capaces de avaliar correctamente as destrezas dunha persoa nunha lingua.

Para comezar, a comprensión escrita de Cambridge é moito máis complicada, xa que a parte de responder a unhas preguntas sobre un texto hai que reorganizar un escrito, comparar parágrafos... Ademais, a parte de gramática amosa matices en vocabulario e cuestións gramaticais que tal vez en ocasións nin unha persoa nativa teña claras ou que nin unha persoa nativa use no seu día a día ese tipo de vocabulario ou de expresións. Por non falar dos writing, que deben ter unha serie de conectores, orde e rexistros gramaticais para ser aptos ou non aptos. Nos exames de francés todo isto é moito máis sinxelo, de feito, non hai exercicios de gramática xa que esta se avalía na propia redacción ou ben nas respostas dadas na parte de escoita, de lectura ou de fala, facendo do DALF unha proba que relaciona máis as súas partes e non as illa coma no caso de Cambridge.

Desde o meu punto de vista, os exames deben intentar ter as súas partes, respectando o nivel de complexidade necesario, o máis interconectadas posibles desde o punto de vista do formato e da estrutura para evitar que unha persoa tal vez carente en moitos aspectos do nivel esixido, pero coñecedora do modelo de exame e das súas particularidades poida sacar o título antes que outra persoa que, por motivos económicos non pode permitirse clases particulares, mais que ten un amplo coñecemento da lingua da que se está a examinar no seu conxunto. Algo que, na miña opinión, si que cumpre a Alliance Française pero non tanto Cambridge.

Desde logo, é comprensible que os exames presenten certas diferenzas dunha lingua a outra, ou incluso dun centro examinador a outro, como pode ocorrer entre Cambridge e Trinity, un máis centrado no ámbito académico e outro no empresarial, pero en ningún caso estes exames deben premiar a quen coñece perfectamente o tipo de exame senón a quen coñece perfectamente a lingua da que se vai examinar. Estou seguro que moitos coñecemos xente que ten un alto título dunha lingua estranxeira que amosa un nivel avanzado e logo marcha a un país estranxeiro e non é capaz de comunicarse. E ao revés, xente claramente con bo nivel que non dá aprobado a proba. Trátase de medir o nivel da lingua segundo o plasmado no MCER con probas de carácter activo para o examinado, non o nivel de minuciosidade coa que o alumno estudou o que o corrector quere. Hai que ter o C1 de inglés, non o C1 de Cambridge.

Commentaires

  1. Boas Pedro!
    Disfrutei moitísimo lendo a túa entrada. Como estudante de inglés e francés, eu tamén realicei o exame de C1 de Cambridge e o C1 da Alliance Française (DALF), e coincido totalmente contigo nas diferenzas entre ambos. Creo que as equivalencias entre os exames de certificación con validez a nivel europeo (e, en moitas ocasións, internacional en xeral) deberían ter un nivel máis homoxéneo ou, no seu defecto, ser veraces, como o caso do DALF.
    Como estudante de xaponés, creo que o modelo de exame oficial desta lingua (o Noken ou JLPT) cae no mesmo erro que o C1 de Cambridge. Neste exame non hai probas de expresión, nin escrita nin oral, e a totalidade das probas que o compoñen son tipo test. Chega un punto no que a destreza na lingua non é importante para aprobar ou suspender, senón que basta con coñecer o modelo de exame e estudar uns contidos moi limitados.
    Creo que sería interesante unha remodelación (ou, polo menos, abrir un debate) sobre estes exames oficiais e a súa veracidade e importancia na nosa sociedade.

    RépondreSupprimer

Enregistrer un commentaire

Articles les plus consultés