O uso da lingua estranxeira na aula dos centros de secundaria e bacharelato

Este tema nace dunha reflexión feita na clase de Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional mentres estudabamos o primeiro tema da materia. Este titúlase A ensinanza de linguas no presente modelo educativo, nacional e autonómico e, a partir dunha poucas diapositivas que vimos durante a clase, xurdiu esta análise e reflexión persoais sobre a situación actual da lingua estranxeira nas clases e nos centros, que me gustaría plasmar a través desta entrada do meu blog.

Para comezar este reflexión, farei unha pequena análise de como se desenvolven as clases de lingua estranxeira durante as etapas de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato nos institutos. Xa sexa primeira lingua ou segunda lingua, obrigatoria ou optativa, a materia de lingua estranxeira séguese a impartir dunha forma moi tradicional e sen grandes cambios a como se daba hai seis anos cando eu marchei do meu instituto. Podemos dicir que non pasou tanto tempo desde o meu título de Bacharelato, mais o certo é que seis anos en relación á metodoloxías de traballo na aula, á innovación educativa, ao uso de ferramentas tecnolóxicas que faciliten as tarefas, etc., podería haber moitos máis avances dos que observei durante esta primeira semana de prácticas nos centros.

As clases continúan sendo incriblemente tradicionais cos mesmos exercicios de gramática que faciamos antes nos workbooks en papel, pero agora nas pantallas dos ordenadores dos alumnos e das alumnas. Venden isto coma innovación educativa, pero non é máis que a adaptación dos métodos tradicionais de traballo ás novas tecnoloxías. Non se utilizan todas as ferramentas dixitais que traen estas TIC para crear novas formas de achegar o contido aos ollos e os cerebros dos estudantes. Soamente, de vez en cando, podemos atopar un docente que aproveita de verdade estes avances tecnolóxicos que nos brindan.

Pola contra, tamén defendo estes métodos máis do vella escola, xa que, dependendo do contido que se está impartindo, poden ser máis cómodos ou útiles que outros métodos máis recentes. Para acadar a situación ideal, deberíase alternar ambas as correntes de pensamento. O cerebro humano, en moitas ocasións, necesita estratexias de aprendizaxe como a repetición e a práctica constante para que os coñecementos se poidan asimilar correctamente na memoria. Porén, o cerebro tamén necesita, sobre todo tratándose de adolescentes en proceso de desenvolvemento cognitivo, formas de captar a atención e mantela durante o tempo que dura a clase, e para iso, as metodoloxías máis innovadoras, os xogos ou as actividades didácticas son perfectas. Por estas razóns, na miña opinión, debemos combinar as dúas opcións para conseguir o equilibro necesario para aprender e atender no noso alumnado.

Ademais da materia en si de lingua estranxeira, existen dúas situacións nos centros que me gustaría comentar neste texto: os centro plurilingües e os lectores e lectoras. No caso dos centros plurilingües, podemos atopar opinións de todo tipo sobre a súa efectividade, o certo é que, seguindo a miña experiencia persoal e a das persoas da miña contorna, estes centros que publicitan certas materias, a maiores de lingua estranxeira, noutro idioma, non teñen moi bo resultado. Vemos como o alumnado ten que aprender vocabulario ou estudar contidos teóricos en inglés sobre un tema do que nin tan sequera ten coñecementos previos en español ou en galego en moitos casos. Penso, sobre todo, na situación, hai un par de anos, dun amigo meu que, con dificultades de comprensión e lectura diagnosticadas, tivo que afrontar a materia de tecnoloxía, por primeira vez, en inglés. Este tipo de situacións son as que me fan reflexionar sobre estes centro plurilingües pensando: É tan necesario aprender a dicir motoserra ou pistón en inglés para unha persoa que aínda non sabe se se quere adicar aos idiomas ou a algo relacionado con isto no estranxeiro?

Por iso a miña opinión neste tipo de centros, non é de todo positiva. Ensinar sobre calquera tema, integramente nunha lingua estranxeira, a persoas que non teñen un nivel suficiente como para seguir o temario correctamente, para que, ao mellor, non volvan utilizar ese coñecemento ou o teñan que facer na súa lingua nai, paréceme pouco efectivo educativamente falando. Sería moito mellor reforzar directamente a clase de lingua estranxeira, adicarlle máis horas ou darlle máis protagonismo.

En canto á figura dos lectores e das lectoras, esas persoas nativas que, moitas veces, se presentan para axudar ao alumnado, atopo moi importante que se lle pida algo de preparación para poder asistir ás clases. Ao fin e ao cabo, van ser uns docentes máis no sentido práctico e deben ter algo de coñecemento sobre como funciona o cerebro adolescente ou como funciona un centro en España en comparación cos do seu país de orixe. Esta figura pode ser de grande utilidade para que os estudantes aprendan, comprendan e melloren notablemente os seus saberes sobre a lingua e a cultura estranxeira, e obteñan un bo nivel ao rematar o curso, por esta mesma razón, os lectores, lectoras e auxiliares de linguas deberían ser informados previamente a través dalgún tipo de cursillo ou algo semellante. Desta forma, garantiríase un ensino óptimo en lingua estranxeira para o alumnado.

En conclusión, estes tres temas sobre os que acabo de escribir, a innovación na aula, o plurilingüisimo nos centros e o rol dos lectores e lectoras, son os tres aspectos relacionados co modelo educativo actual para o ensino de linguas estranxeiras (é dicir, este primeiro tema da materia) dos que estiven reflexionando a partir do impartido na clase.

Cales son as vosas opinións sobre estes temas?

Commentaires

Articles les plus consultés