Presentación: O papel do francés na UE tras o Brexit
Despois da saída do Reino Unido da Unión Europea, comezou un debate sobre se o inglés debería seguir sendo a lingua vehicular principal neste organismo, posto que o idioma quedaba reducido a unha pequena porcentaxe de falantes nativos concentrados en Irlanda e Malta. A día de hoxe, outros idiomas coma o alemán ou o francés son linguas que representan mellor á UE e á súa poboación. E, sobre todo, por parte do goberno francés, está a haber unha serie de pasos e intentos para que a súa lingua recupere a hexemonía que o inglés lle quitou durante o século XX. O feito de que os principais centros de traballo da UE (Bruxelas, Estrasburgo e Luxemburgo) sexan francófonos, aínda que coexistan outras linguas, xunto co seu pasado hexemónico, coma lingua franca de séculos anteriores, aporta ao francés esa especie de xustificación que, para moitos e moitas, é suficiente para determinar que esta lingua sexa a herdeira do estatus de vinculante que tiña o inglés ata agora.
Dende logo, este é un tema delicado e difícil de manexar, xa que o inglés coma lingua vinculante e segunda lingua está moi estendido xa por toda Europa e sería moi complicado dar este xiro cara ao francés na educación, por exemplo. Non se sabe como acabará este debate, hai vantaxes e hai inconvenientes.
Cal é a vosa opinión?

Commentaires
Enregistrer un commentaire