Tema 1 - Situacións e variábeis de ensino das linguas estranxeiras
Esta é a primeira entrada de blog desta
materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras e corresponde ao
tema 1 impartido polo profesor Gonzalo Constenla. Entre os contidos deste primeiro
tema constan as características que comparten e diferencian a adquisición e
aprendizaxe dunha lingua materna e dunha segunda lingua, os factores que
afectan á aprendizaxe da lingua estranxeira en cada persoa e o concepto de
repertorio lingüístico.
Primeiro de todo, introducímonos nas
características da adquisición e a aprendizaxe de linguas. Dentro desta sesión,
non só tratamos o ámbito das linguas estranxeiras, senón que falamos da
adquisición de linguas en xeral, diferenciando os dous procesos: a adquisición,
cando se trata dunha lingua materna, e a aprendizaxe, cando corresponda a unha
lingua estranxeira.
Para fixar mellor estes contidos e comparar os
dous procesos, realizamos unha actividade por grupos de tres persoas na que
tiñamos que debuxar dous círculos que se superpoñen no medio do papel.
Este tipo de figura chámase Diagrama de Venn e é moi común en traballos,
ademais de ser sinxela de realizar e de captar. No primeiro círculo, tiñamos
que escribir as características particulares do proceso de adquisición e, no
segundo, debiamos realizar o mesmo coas da aprendizaxe da lingua estranxeira.
Por tanto, na zona superposta, cada grupo debía indicar as características
comúns aos dous.
No seu conxunto, opino que esta foi unha
actividade marabillosa para comezar o tema. A través dela, puidemos reflexionar
de forma activa e directa sobre estes procesos a tanto ter en conta coma
docentes de linguas estranxeiras. Ademais, ao realizar a actividade en papel,
esta causou un maior impacto en nós, xa que estamos acostumados a facer todo no
ordenador e non esperabamos realizala así. Isto activou a nosa curiosidade e a
comunicación activa entre os compoñentes do grupo.
Durante esta clase, tamén tratamos que o termo
“lingua materna”, aínda que seguramente o máis utilizado de todas as opcións
para referirse á primeira lingua que se adquire para comunicarse, non é o máis
apropiado porque pode levar a confusión nalgúns casos. Desta forma, é moito
mellor chamar a este idioma: primeira lingua ou lingua inicial. Esta lingua
inicial, polo xeral, non ten por que ser unha única lingua, unha persoa pode
ter varias primeiras linguas. É máis, no mundo, atopamos máis persoas bilingües
que monolingües, aínda que nos poida parecer mentira.
Na seguinte sesión, realizamos outra
actividade na clase, relacionada co uso das linguas estranxeiras en situacións concretas. Para levar a cabo esta tarefa, dividímonos en grupos e, nun folio, cada persoa escribía a súa resposta. Unha vez estivesen todas as respostas
escritas no placemat, os compoñentes comezarían un debate para dilucidar
cal sería a resposta común do grupo. Esta actividade gustoume especialmente
porque permitiu abrir unha conversa desenfadada sobre os contidos da materia entre
os membros do grupo e fomentou a comunicación sen necesidade de utilizar as
tecnoloxías para responder e acadar unha conclusión. No meu caso, o meu grupo era
de cinco persoas e respondimos ás seguintes cuestións sobre o uso da lingua
estranxeira e a súa función nese contexto dado:
- Un grupo de erasmus de 5 países europeos
diferentes saen de festa e teñen que decidir o local onde van ir tomar a
primeira copa. Que lingua van usar?
- Nunha feira de tecnoloxía dixital reúnense
comerciais de 6 compañías de Francia, Bélxica, Costa de Marfil e España. En que
lingua falarán entre si?
Nas respostas, pódese observar a utilización do
inglés coma lingua franca en todo o mundo e en diferentes casos. Aínda que debemos
ter en conta diversos factores dependendo da situación dada e non supoñer a
resposta. Por exemplo, no primeiro caso, dependendo dos países de orixe dos
estudantes, estes poden compartir lingua, falar idiomas intelixibles entre eles
ou non ter un bo nivel de inglés. No segundo caso, por exemplo, hai que ter en
conta tamén os factores culturais e sociais dos países participantes para saber
que lingua utilizar, xa que se pode supoñer que o inglés se usará para permitir
a comprensión do representante español, pero quizais esta elección estea máis xustificada por
unha razón sociocultural no caso de que a empresa belga sexa de orixe flamenco
e non acepte usar o francés.
Por último, explicáronsenos cales son os
factores individuais que inflúen na aprendizaxe dunha lingua estranxeira e o concepto
de repertorio lingüístico. Sobre este, tratou a terceira actividade que
realizamos na clase. Neste caso, tivemos que elaborar o repertorio lingüístico
compartido por todo o grupo. Para chegar a ese obxectivo, a actividade levouse
a cabo de forma piramidal, unha metodoloxía que considero moi boa para realizar
na clase, xa que permite a participación e expresión activa de todas as persoas.
Primeiro, realizamos o noso repertorio propio; despois, compartímolo en
pequenos grupos; a continuación, fixemos o mesmo cun cuarto da clase e, por
último, comparamos o repertorio resultante co da outra metade do grupo. O
resultado foi moi positivo e palpábase no ambiente que foi unha actividade
fantástica e interesante para todo o mundo presente. Desde logo, é un exercicio
que adaptarei para que o meu alumnado comparta as súas perspectivas sobre
determinadas cuestións cando sexa docente.
En conclusión, penso que toda esta información
resulta moi interesante, os matices entre adquisición e aprendizaxe, os
diversos conceptos que pode traer a palabra lingua consigo ou que é o
repertorio lingüístico, eran temas que descoñecía e aos que prestei realmente
atención. Así mesmo, o uso de actividades dinámicas e colaborativas para compartir
e confrontar opinións e conclusións persoais entre compañeiros e compañeiras é de
grande utilidade para demostrar que comprendemos todo correctamente e levanta as
dúbidas que doutra forma ficarían agochadas. Pódese dicir que foi un tema moi
interesante.


Ola Pedro!
RépondreSupprimerDespois de ler a túa entrada gustaríame falar da importancia que ten que separaras os dous procesos que existen no ámbito das linguas: a adquisición que se fai dunha lingua inicial de forma inconsciente e natural e a aprendizaxe que se fai da segunda ou segundas linguas que se fai dunha forma consciente. Paréceme moi importante facer esta diferenciación, xa que non é o mesmo adquirir que aprender, ademais de que non se segue o mesmo proceso para coñecer unha L1 que unha L2.
Outro aspecto que me pereceu moi interesante da entrada é que destacas o “erro” de chamar á primeira lingua ou lingua natal “lingua materna”, xa que este termo é un pouco confuso, asemellándose á utilización do concepto “nivel nativo” cando se aprende unha lingua estranxeira. O propio Marco Común Europeo de Referencia decidiu retiralo para a denominación do nivel C2, que agora non ten a “etiqueta” de nivel nativo.
Por último, coincido contigo en que foi un tema e uns conceptos moi interesantes ademais de que, en conxunto coas actividades realizadas e co uso desas metodoloxías, fixo que fora todo moito máis atractivo.
Un saúdo,
Andrea
RépondreSupprimerOla, Pedro!
A túa entrada céntrase en aspectos moi interesantes e gustaríame tratar dous deles: o concepto de lingua materna e o uso do inglés como lingua franca.
Por un lado, debo comentar que me sorprendeu que o concepto de «lingua materna» non sexa recomendable, xa que é a nomenclatura que empregamos constantemente nos estudos de Tradución e Interpretación. Porén, este termo pode dar lugar a confusións, dado que é posible pensar que a lingua materna dunha persoa é a que fala súa nai. Polo tanto, comparto a opinión de que é mellor empregar «primeira lingua» ou «lingua inicial», posto que se remite con claridade ao primeiro idioma que é adquirido de forma inconsciente.
Polo outro lado, coincido co voso grupo en que o inglés é a lingua franca na actualidade, de maneira que se emprega con moita frecuencia por todo o mundo. No tocante ao programa de erasmus, penso que moitas persoas se animan a estudar noutro país porque saben que van poder desenvolverse sen dificultades grazas aos seus coñecementos de inglés. Por exemplo, hai dous anos, coñecín a unha estudante erasmus á que lle custaba falar en español, polo que empezamos a dialogar en inglés.
Porén, como ben dis ti, a lingua que empreguemos depende da situación. No caso anterior, estiven conversando coa alumna de intercambio durante un bo cacho en inglés ata que descubrín que era de Francia e pasamos a utilizar o francés.
En xeral, creo que a información deste tema foi moi útil, posto que nos centramos en factores moi importantes para o ensino de linguas estranxeiras. Ademais, gustoume a reflexión que fixemos co placemat sobre o uso das linguas en diferentes contextos.
Un saúdo,
Mónica
¡Hola Pedro!
RépondreSupprimerMe alegra saber que te pareciese tan interesante la actividad sobre el Diagrama de Venn, porque para mí también fue una experiencia de aprendizaje diferente y aprendí mucho compartiendo reflexiones y puntos de vista contigo en nuestro mini grupo de trabajo. Estoy totalmente de acuerdo con lo que destacas sobre nuestra curiosidad, que se vio motivada por el simple hecho de realizar una tarea con un folio y unos rotuladores, después de meses de trabajar con el ordenador; por muy simple que parezca, a veces volver a las manualidades nos estimula mucho más que otros recursos llamativos y diseñados aposta para el aprendizaje, y comparto el propósito de compartir actividades similares con nuestro futuro alumnado, integrándolas con otros recursos y estrategias, para fomentar la comunicación y la cooperación de manera entretenida, logrando un aprendizaje global a nivel de clase y no sólo del alumno individual.
Ola, Pedro!
RépondreSupprimerPrimeiramente, gustaríame felicitarte pola túa entrada do blog e, destacar, unha das tarefas que realizamos e que, como vexo, xa comentaron outras compañeiras.
Estamos tan acostumados e acostumadas a empregar o ordenador no noso proceso de aprendizaxe que xa se converteu nunha rutina chegar á aula e abrir os nosos dispositivos. Resulta irónico que esta conexión á rede acabe provocando unha desconexión entre nós e o entorno que nos rodea, tanto que pode chegar a causar momentos de ausentismo, que dependendo do momento, pode resultar problemático. O traballo sobre o papel sacounos desa rutina e activou os nosos sentidos ó cento por cento, permitiunos reconectar cos nosos inicios escolares e, á súa vez, desintoxicarnos da realidade virtual.