Tema 6 - As programacións didácticas vixentes

Nesta entrada de blog dedicada ao tema 6 da materia de Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional no que se fala das programacións didácticas vixentes, centrareime na importancia dos elementos transversais e tamén comentarei brevemente os meus pensamentos sobre o proceso de oposicións a través do cal conseguir praza como docente de secundaria.

Para comezar, durante a clase que correspondeu ao tema 6 vimos a información necesaria para comprender ben que é unha programación didáctica e que é unha unidade didáctica. O primeiro destes termos define o que vén sendo un documento esencial no ámbito educativo español para levar a cabo a planificación e a organización de todas as actividades, proxectos, tarefas, saídas, etc., que se van realizar ao longo dun curso académico enteiro nunha clase dunha materia concreta. Esta programación didáctica ten que ser elaborada polo persoal docente e dentro dela deben detallar toda a información sobre o que teñen pensado realizar cunha clase durante todo o ano académico. Trátase dun traballo longo e reflexivo, xa que debe ter un carácter de guía e estrutura o desenvolvemento das actividades da aula.

Na clase, e entre todos, realizamos unha programación didáctica coma tarefa grupal. Por parellas, debíamos escribir o texto que iría en cada unha das partes das que consta unha programación, por exemplo, no meu caso, tocáronme as actividades complementarias da materia de inglés coma primeira lingua estranxeira. En equipo traballouse moi ben, todos e todas esforzámonos para ter cada unha das partes canto antes para poder basear as nosas unidades didácticas nesa programación.

Como menciono, a programación didáctica consta de varias partes, entre elas pódense destacar: os obxectivos, os contidos, a metodoloxía, a avaliación, a atención á diversidade, as actividades complementarias e a práctica docente. Toda esta información que debe estar presente dentro da programación didáctica é de moita importancia para o bo desenvolvemento da materia e debería ir axustándose ano a ano para intentar mellorar os resultados das clases e adaptarse a novas metodoloxías ou métodos de avaliación.

Outros compoñentes de moita importancia dunha programación didáctica actual son os elementos transversais. Estes elementos son pequenas destrezas e habilidades de gran relevancia en todos os ámbitos da vida e da educación e que se poden tratar de forma transversal (como o seu nome indica) en todas as áreas de coñecemento da mesma maneira e coa mesma importancia. Estes elementos van máis aló dos coñecementos impartidos nas materias específicas e fomentar a promoción de habilidades e competencias clase básicas para a educación, como os valores éticos, a creatividade, a inclusión, a igualdade entre os homes e as mulleres, a educación sobre o medio ambiente, a formación de cidadáns e cidadás responsables, etc.

Na miña opinión, os elementos transversais son uns dos compoñentes de máis calado na educación e necesitan dunha atención especial durante toda a etapa educativa desde a educación infantil ata a educación non obrigatoria porque son os que verdadeiramente forman a bos cidadáns e boas cidadás do mundo que se preocupan polas demais persoas e teñen unha capacidade de pensamento crítico e de opinión desenvolvida, entre outras calidades. En moitas ocasións, os estudantes traballan estes elementos de forma inconsciente a partir de proxectos ou actividades que os incorporan aínda que non os traten directamente coma protagonistas, o cal permite que estas ideas necesarias para acadar unha sociedade equitativa e igualitaria en todos os sentidos vaian calando pouco a pouco nos alumnos e alumnas desde que son nenos e nenas.

Ao mesmo tempo, os elementos transversais axudan a tender pontes e relacionar unhas áreas de coñecemento con outras. Isto permite que os estudantes poidan unir na súa mente unha información dunha materia con outra doutra materia totalmente distinta, dando lugar a unha educación moito máis activa mentalmente e útil. Os nenos e nenas teñen que ser invitados a pensar e reflexionar non só sobre os contidos propios dunha materia, senón tamén sobre o conxunto dos seus coñecementos e o seu proceso de aprendizaxe. Estas capacidades aportadas polos elementos transversais preparan ás persoas para poder facer cara ás cuestións da sociedade actual e contribuír á súa mellora.

Despois da miña opinión sobre estes elementos tan presentes nas programacións e unidades didácticas, gustaríame falar brevemente sobre as probas para conseguir chegar a ser profesor, xa que para poder aportar o noso gran de area á sociedade a través deste ámbito, antes temos que presentarnos ás oposicións.

Na clase, explicóusenos todo o relacionado con este proceso e debo dicir que son uns exames moi completos e complexos nos que se nos pon a proba non só de todos os contidos da materia da que queremos dar clase, senón tamén das nosas habilidades pedagóxicas. Este é un proceso de preparación longa ao que hai que dedicar moitas horas durante moitas semanas para preparar todo o temario de exame escrito e a programación e unidades didácticas pedidas.

Na miña opinión, penso que é un proceso moi duro no que inconscientemente (ou conscientemente) te preparan para o estrés que podes atopar á hora de chegar á aula. Porén, opino que as autoridades deberían darlle máis relevancia durante o proceso ao perfil dos aspirantes e non tanto ás probas en si mesmas. A figura do docente é moi importante para o futuro da sociedade, por iso, as autoridades e os tribunais deberíanse asegurar de que os novos profesores sexan persoas cun sentido ético desenvolvido e uns valores positivos ben establecidos. Queremos coma sociedade que os modelos a seguir dos que veñen detrás sexan boas persoas e teñan unha vocación educativa clara para mostrarlles o bo camiño a través da simpatía, a empatía, as boas maneiras e a paciencia.

Commentaires

Articles les plus consultés