TEMA 11 - A avaliación na aula de linguas estranxeiras

 

Esta entrada do meu blog versará sobre o visto durante as sesións dedicadas ao tema 11 da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras que dimos na clase da man de Cristina Rodríguez que se leva por título: A avaliación na aula de linguas estranxeiras. Como indica o seu nome, este tema fala das formas e métodos de avaliar aos nosos estudantes na clase de linguas estranxeiras. Explicóusenos cales son os obxectivos das distintas formas de avaliación, como crear rúbricas para cada actividade e como aplicar as ferramentas das que dispoñemos para avaliar como docentes.

Na primeira sesión que dedicamos a este tema 11, comezamos por tratar as rúbricas. Estas ferramentas son verdadeiramente útiles para avaliar ao noso alumnado e teñen moitos beneficios tanto para eles como para nós como docentes. Son táboas con descritores que permiten coñecer detalladamente os obxectivos que se perseguen nesa tarefa concreta, de modo que nós coma profesores podemos saber como avaliar exactamente e o resto como alumnado poden recoñecer os puntos e características que deben cumprir para ter éxito na actividade. Como se menciona no artigo “Evaluar con rúbricas: qué son, cómo aplicarlas y cuáles son sus beneficios” (https://www.educaciontrespuntocero.com/noticias/evaluar-con-rubricas/) de Laura Román, publicado na páxina de Educación 3.0, as rúbricas permiten que a aprendizaxe sexa transparente para o alumnado, permitíndolles saber a onde teñen que chegar e dándolles a oportunidade de autoavaliarse previamente para pulir os seus traballos (sobre este modo de avaliación falaremos máis abaixo). Este artigo fai un pequeno resumo de todo o que rodea as rúbricas.

Durante a clase, realizamos unha rúbrica nós mesmos para a actividade de mediación que pensamos para as clases anteriores. O meu grupo fixo un proxecto relacionado co Festival de Cans no que tiñan que realizar unha serie de exposicións para os estudantes franceses de intercambio. Despois de moito pensar, chegamos a crear a nosa rúbrica, que é a seguinte:

Na segunda sesión, cambiamos de método de avaliación, deixamos atrás as rúbricas e centrámonos nos tipos de avaliación que pode haber durante o curso académico. Por un lado, está a avaliación inicial, que se debe realizar ao comezo de curso para coñecer o nivel de idioma estranxeiro, no noso caso, e tamén se pode realizar cada vez que se comeza un proxecto para saber o punto do que partimos co noso alumnado nunha área temática concreta. Por outro lado, temos a avaliación sumativa. Este tipo de avaliación, que todos e todas experimentamos nalgún momento da nosa vida académica, trátase dos famosos exames finais como medio de avaliación, sendo a súa única intención a de cualificar e poñer unha nota numérica para saber se cumpres cos coñecementos necesarios para pasar a materia. Na miña opinión, este tipo de avaliación nos centros educativos deixa moito que desexar porque incentiva a falta de motivación e a memorización sen comprensión dos contidos, provocando que o alumnado non sume coñecementos na súa memoria a longo prazo, soamente para o día do exame ou da proba.

Por último, vimos a avaliación formativa. Este tipo de avaliación ten como obxectivo asegurarse de que os alumnos e alumnas aprenden. Para isto, a formativa baséase no rendemento e o esforzo que a persoa pon para mellorar e emendar os seus erros. Neste sentido ten un papel crucial o feedback ou retroalimentación, que son todos eses comentarios que lle damos ao alumnado sobre os seus resultados ou sobre o proceso de consecución destes para que sigan desa maneira ou modifiquen certas características. É moi importante que o feedback sexa tanto positivo como negativo, sempre debe de ser enriquecedor e ten que centrarse no contido da tarefa e nunca na persoa como tal para que sexa útil e escoitado polo estudante. A avaliación formativa utiliza esta retroalimentación para facer un seguimento total de todo o alumnado, o que permite que haxa unha personalización da aprendizaxe e un nivel de reflexión óptimo que faga que o estudante chegue por si mesmo ás conclusións de como mellorar o seu traballo. Na clase, tamén utilizando a actividade de mediación grupal, concretamos como levariamos a cabo unha avaliación formativa respondendo a unhas preguntas. Finalmente, decidimos que, principalmente, se faría unha observación exhaustiva na aula por parte do docente para anotar calquera detalle sobre o proceso individual de cada estudante.

Sobre tipos de avaliacións, aconsello botarlle unha ollada á entrada de blog “Los tipos de evaluación y sus beneficios” (https://dreamshaper.com/es/blog/los-tipos-de-evaluacion-y-sus-beneficios/) que podemos atopar en DreamShaper. Este artigo, ademais dos tres tipos de avaliación que mencionei aquí, tamén explica os beneficios doutras formas de avaliar como a avaliación por medias ou por obxectivos, igualmente moi interesantes. Isto pode axudarnos a saber que tipo de avaliación escoller dependendo das características de cada proxecto que fagamos e os obxectivos que perseguimos.

Volvendo ao tema do feedback, este é moi importante porque basicamente é o motor que alimenta a nosa capacidade de mellora. Na clase, vimos diferentes modos que obter esa retroalimentación: a autoavaliación e a coavaliación. Durante a clase, presentáronsenos e en grupo puidemos discutir cales eran as súas vantaxes e inconvenientes. Con todo, a conclusión á que chegamos foi que ambas deben ser incluídas máis a miúdo na aula, porque, como conclúe este artigo de Yolanda López Regojo (“La coevaluación y la autoevaluación en el aula de ELE” - https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/publicaciones_centros/PDF/delhi_2017/10_lopez.pdf), estas técnicas de avaliación permiten que o alumnado deixe atrás a súa pasividade e pasa a formar parte activa do seu propio proceso de ensino-aprendizaxe. Isto permite que teñan unha maior autonomía e control sobre a súa aprendizaxe, sendo conscientes do seu rendemento e coñecendo as opcións que teñen de mellorar e avanzar na lingua estranxeira.



En resumo, podemos apreciar a grande importancia que ten a avaliación no noso alumnado e como todas as variantes e formas de avaliar aportan diferentes puntos de vista dos resultados das actividades que levamos a cabo. Por esta razón, temos que ser conscientes dos pros e contras de cada método de avaliación e adoptar o ideal para cada proxecto, puidendo combinalos e adaptalos para medir todos os factores que desexamos durante os traballos da aula. Ademais, saliento a relevancia de obter un feedback adecuado para permitir a evolución constante dos estudantes e a importancia de que saiban ser críticos e autoavaliarse correctamente, xa que é un trazo moi valioso de cara ao seu futuro e á súa autonomía.


Referencias externas a:

Evaluar con rúbricas: qué son, cómo aplicarlas y cuáles son sus beneficios - Laura Román (Educación 3.0)

Los tipos de evaluación y sus beneficios - DreamShaper

La coevaluación y la autoevaluación en el aula de ELE - Yolanda López Regojo

Commentaires

  1. Ola, Pedro!

    A túa entrada pareceume moi interesante, polo que me gustaría compartir a miña opinión sobre a avaliación e o feedback.

    Por unha banda, concordo contigo en que a avaliación sumativa só premia a capacidade para memorizar. Se ben a avaliación formativa está a cobrar cada vez máis relevancia, segue a ser moi frecuente que se lle outorgue un maior valor aos exames finais. Este factor pode influír negativamente na motivación do alumnado, xa que as persoas que se esforzan diariamente ven que todo o seu traballo non serve para nada se non teñen boa memoria. En consecuencia, creo que debemos poñer o noso gran de area para contribuír a cambiar isto, de modo que o alumnado observe a transcendencia do traballo na aula para a aprendizaxe. Como comentamos na clase, non importa que só deamos dous temas se o alumnado interioriza os contidos e desenvolve as súas competencias. Desta maneira, resulta indispensable que levemos un ritmo constante que se adecúe a todos os ritmos de aprendizaxe e que non nos obsesionemos por tratar moitas temáticas, xa que o currículo de linguas estranxeiras é bastante flexible.

    Pola outra banda, coincido contigo en que o feedback constante é esencial para que os estudantes reflexionen sobre o que están a facer e incorporen novos elementos para mellorar na súa aprendizaxe. En xeral, o feedback axuda a que se desenvolva a competencia persoal, social e de aprender a aprender, de maneira que o alumnado adquire cada vez unha maior autonomía e unha maior responsabilidade.

    Un saúdo,
    Mónica

    RépondreSupprimer
  2. Ola, Pedro!

    Quero felicitarte pola túa entrada no blog, xa que considero que é unha fonte valiosa e completa sobre a avaliación na ensinanza de linguas estranxeiras. Resulta evidente o teu compromiso coa temática —vendo como destacas a importancia das rúbricas como ferramentas esenciais para avaliar aos estudantes de forma efectiva, podo intuír o comprometido que estás coa avaliación do alumnado dunha maneira xusta.

    Ademais, a profundidade coa que analizas os distintos tipos de avaliación, desde a inicial ata a formativa, amosa unha visión equilibrada e reflexiva. Comparto a túa perspectiva sobre os límites da avaliación sumativa e a necesidade de priorizar a avaliación formativa para fomentar unha aprendizaxe significativa.

    A atención que lle adicas ao feedback, tanto positivo como negativo, e a súa función crucial na promoción da mellora continua é un punto forte na túa entrada. As recomendacións de lecturas adicionais que proporcionas engaden valor á túa publicación e parécenme moi acertadas, xa que nos ofrecen a oportunidade de profundizar nos temas tratados.

    En resumo, a túa entrada destaca pola gran análise reflexiva que fixeches, e gustoume moito en xeral a estrutura da túa entrada. Demostras unha comprensión sólida dos diferentes métodos de avaliación e a súa aplicación práctica. Ogallá poder ler máis entradas túas no futuro, aínda que non sexa para esta asignatura. Segue así, Pedro!

    Saúdos,
    Natalia

    RépondreSupprimer
  3. Ola Pedro!
    Gustoume moito a reflexión que aportas acerca dos distintos tipos de avaliación e o seu uso nos centros educativos actuáis. Creo que o sistema de avaliación ao que nos enfrentamos ao longo do noso percorrido académico está, como ti mesmo ben sinalas, excesivamente centrado na avaliación sumativa, baseada nese exame final. Creo que gran parte da razón pola que este tema gustoume especialmente nas sesións do mestrado foi pola proposta de diferentes métodos de avaliación que propoñía. Durante os meus anos como estudante de instituto, bacharelato e, en gran medida, Universidade, a avaliación sumativa baseada nun único exame final que supoñía arredor do 80% da nota foi a máis habitual, por non resumir dicindo que foi a única representativa. Isto provoca unha clara falta de motivación e un sistema baseado na memorística que non contribue a que o alumnado desenvolve unha actitude sana de cara á avaliación do seu traballo.
    Creo que, como futuros docentes, é moi importante que tratemos de que o noso alumnado posea unha actitude positiva frente a esta avaliación. Para iso, é importante que nós mesmos sepamos adecuar os nosos instrumentos avaliativos a cada actividade particular e a cada grupo. Pareceume moi interesante a entrada de blog que aportas (“Los tipos de evaluación y sus beneficios”), porque creo que recolle esta importancia de saber discriminar cada sistema de avaliación e empregar o máis relevante en cada caso.
    Creo que a túa entrada resumiu perfectamente os contidos das últimas sesións da materia, resultoume moi interesante ler as túas reflexións.
    Unha aperta!

    RépondreSupprimer
  4. Ola Pedro, boa tarde!

    A túa entrada está moi completa e lese moi de corrido, moitas grazas polo repaso das últimas sesións con Cristina. Penso que todos experimentamos máis ou menos o mesmo durante os exercicios que realizamos na aula para asentar a información que se nos estaba transmitindo e que isto permitiu que agora valoremos moito máis a avaliación continua e o feedback e que seguro o vaiamos incluir nas nosas futuras aulas.

    Por outra banda, quería agradecerche especialmente os artigos que engadiches. Eu non coñecía a web Educación 3.0 ata hai pouquiño e a verdade sempre teñen artigos moi interesantes e nótase que están actualizados e escritos por persoas que teñen ilusión e moito interese pola educación. Dinlle tamén unha lectura en diagonal ao artigo que facilitas de Yolanda López sobre a coavaliación e autoavaliación e está moi ben, gardareino :)

    Vaia, que noraboa pola túa entrada Pedro, vémonos pronto!

    Unha aperta,
    Sabela

    RépondreSupprimer

Enregistrer un commentaire

Articles les plus consultés