Tema 5 - O deseño curricular base para as linguas estranxeiras
Nesta primeira
entrada do meu blog falarei sobre o deseño curricular relacionado coas linguas
estranxeiras nos distintos tipos de educación. Primeiro de todo, paréceme un
tema verdadeiramente extenso e difícil de resumir en poucas clases, creo que o
mestrado debería aumentar as horas que se dedican a todo o relacionado co
currículo xa que é algo fundamental para calquera que queira dedicarse ao apaixonante
mundo da docencia. Por unha parte, tanto os elementos como as competencias
chave do currículo precisan dunha concentración importante se queremos entendelo
correctamente. Porén, unha parte que me resultou máis atractiva do temario
foron os graos de concreción curricular, xa que grazas aos esquemas que fun
facendo despois de rematar as clases funme quedando con rapidez cos distintos
niveis que hai desde o goberno do estado ata o profesorado. Ademais, considero
que é importante saber as competencias de cada un (estado, comunidade autónoma,
centro docente) e incluso o rango das propias normas lexislativas, xa que malia
ser un pouco complexo ao principio, as diapositivas e os esquemas que fun
facendo eu a parte fixéronme entendelo con rapidez.
Ao único ao que
non lle vexo unha gran utilidade é ao cambio de leis constante que temos a
medida que os gobernos cambian de cor política. Entendo que a educación debe estar
sempre actualizada cos tempos xa que é un dos pilares máis importantes da nosa
sociedade, pero estes cambios teñen que ser para mellorar a vida dos
estudantes, para facer unha educación menos teórica e máis práctica, para facer
un ensino máis inclusivo nunha sociedade cada vez menos heteroxénea e máis diversa
étnica e sexualmente. Todo cambio de lei educativa debería basearse na simple
tarefa de escoitar as peticións do alumnado e do profesorado que son os que coñecen
mellor que ninguén a realidade que hai dentro e fóra das aulas nos centros
educativos do noso país. Algo que, desde o meu punto de vista, non se fai, e se
se fai só queda escrito, porque en moitos casos non se leva á aula. O ensino ten
que ser comprendido como o motor de cambio da nosa sociedade e, mentres non o
sexa, estaremos desaproveitando algo moi poderoso.
Non obstante, creo
que a diferenza doutros países como pode ser Francia o noso si sabe apreciar
máis ou menos ben a riqueza lingüística e cultural do país. Un sistema
educativo galego, andaluz e catalán completamente iguais non terían ningún
sentido xa que as realidades sociolóxicas son distintas. As comunidades
autónomas deben ter un peso importante no control do ensino, sobre todo, desde
o meu punto de vista, nas nacionalidades históricas. Neste sentido, creo que
cómpre seguir avanzando en leis que protexan ao galego e ao resto de linguas
minoritarias e minorizadas para preservar toda a riqueza que isto conleva.
Algo que me gustou
das clases foi o traballo en equipo. Nunha sociedade cada vez máis individualista,
non debemos esquecer a importancia de saber convivir todas e todos, non habendo
mellor maneira que a de traballar de xeito conxunto. As presentacións son,
desde o meu punto de vista, o mellor exemplo posible e son sincero cando digo
que penso que toda a clase fixemos unha boa labor. De feito, algo que me
encantou foi o da autoevaluación e a coevaluación. Nunha sociedade enferma coa
competitividade, os futuros docentes debemos ser os primeiros en ver en nós
mesmos que non somos perfectos, que os nosos traballos deben ser mellorados
porque nunca o imos facer todo ben nin todo mal, sempre hai marxe para a
mellora. Saber criticarse a un mesmo de xeito positivo e negativo é unha gran
forma de aprender, e o mesmo sendo avaliado polos teus compañeiros e
compañeiras. Parece haber xente que ten medo ao erro, cando non hai nada máis
humano que errar. Errare humanum est, sed perseverare diabolicum.
En definitiva,
este tema permitiume aprender moito sobre toda a complexidade de leis que forma
o noso sistema educativo, un sistema que cos seus acertos e os seus erros é
decente se o comparamos co doutros países. Creo que é importante destacar
sempre que falemos do ensino a importancia dunha educación pública e de
calidade para todo o mundo, sen importar onde vives, de quen es fillo, se es
home ou muller, heterosexual ou LGBT... Unha proba da importancia do ensino
público é este mesmo mestrado, xa que estou convencido que se non existise na universidade
pública, moitos de nós non poderíamos pagar os desorbitados prezos que se pagan
na privada. A educación de por si non é un motor social de cambio, para que así
sexa ten que ser pública, ten que haber os mesmos dereitos, ten que ser
inclusiva. Creo que unha lei importante a facer sería a de suprimir os custos
das matrículas, especialmente as dos mestrados, para as rentas medias e baixas.
Algo que, con tantas leis, é triste que xa non sexa así.

Ola, Pedro!
RépondreSupprimerFelicidades por inaugurar o teu blog cunha entrada tan reflexiva!
Para comezar, a túa suxestión de aumentar as horas adicadas ao deseño curricular no máster paréceme pertinente, xa que é esencial comprender en profundidade o currículo para aqueles que aspiramos a ser docentes.
Comparto o que dis sobre o impacto dos constantes cambios lexislativos, particularmente cando non sempre se traducen en melloras prácticas na aula. Coincido plenamente en que é crucial escoitar as voces do alumnado e do profesorado para comprender a realidade dentro e fóra das aulas.
Tamén destaco a túa perspectiva sobre a diversidade cultural e lingüística no contexto español. A valoración da riqueza de cada rexión e a necesidade de protexer e preservar as linguas minoritarias son puntos clave para que a educación reflicta a riqueza (diversidade lingüística e cultural) da sociedade.
Por último, o teu chamado a unha educación pública de calidade, accesible para todos, independentemente da súa orixe ou identidade, é un recordatorio importante de que a educación é un dereito fundamental. A proposta de eliminar os custos das matrículas é un chamado á igualdade de oportunidades na educación, un tema que merece maior atención e debate.
Grazas pola túa entrada, Pedro. O teu enfoque crítico e construtivo promete achegar valiosas contribucións ao diálogo educativo.