TEMA 3 - Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula.
O tema 3 da materia de Didáctica titúlase: “Estratexias
de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula.
Procedementos para o fomento das habilidades comunicativas na aprendizaxe de
linguas estranxeiras”. Cursou sobre como idear e levar a cabo de forma correcta
todo tipo de actividades de expresión nas nosas aulas e se centrou
especialmente á novidosa mediación.
A mediación permite contextualizar os contidos
aprendidos polo alumnado en contextos do mundo real para que poidan observar de
preto as utilidades da lingua estranxeira. Ademais, un punto positivo sobre
este tipo de actividades é que existen mediacións de moitos tipos, o que
permite realizar un número infinito de exercicios e variacións. Para demostrar
como funciona a mediación e como se cumpren estas características citadas
anteriormente, durante unha das clases levamos a cabo a escritura dunha
actividade de mediación dende cero. Tras rematalo, todos os grupos da clase
expuxeron os seus resultados e a profesora comentounos na clase. Este tipo de
exercicio penso que é moi bo para poder aprender observando os traballos dos
demais, que, en moitos casos, chegan a conclusións distintas ás propias e que
nunca se me pasarían pola cabeza, de non ser pola posta en común de todas as
actividades dos grupos.
Tamén realizamos na sesión seguinte unha
actividade na que debiamos escribir en grupos outro exercicio, neste caso, de
expresión escrita. Tiñamos que idear un exercicio no que a profesora nos daba
un tipo de texto concreto que mandar escribir ao noso alumnado. No noso caso,
foi un correo electrónico e creamos un enunciado baseado en escribirlle para
darse a coñecer a unha familia de acollida no estranxeiro coa que o alumnado
vai convivir durante un tempo. Penso que este exercicio en concreto foi
verdadeiramente bo, xa que grazas a el, puiden experimentar o que pasa pola cabeza
á hora de pensar en crear este tipo de actividades e o tempo que leva estudar a
situación e buscar as características concretas que encaixen para cumprir coas
expectativas que se queren alcanzar co exercicio de expresión escrita.
É moi importante realizar non só actividades
de expresión escrita, senón tamén actividades de expresión oral. Estes
exercicios, opino que son incluso os máis importantes de levar a cabo durante o
horario de clase, debido a que, seguramente, os nosos estudantes non teñan a
oportunidade de practicar a lingua estranxeira fóra da aula. A expresión oral
non deixa de ser unha das competencias lingüísticas de maior importancia xa que
a lingua está para comunicarse e, en moitas ocasións, esa comunicación faise dun
modo oral. Ademais, a oralidade dunha lingua estranxeira é unha das características
máis complicadas de dominar e desinibirse como alumnado para practicala, posto que a fonética entre idiomas varía e moitas veces a metodoloxía aplicada non crea motivación nos estudantes, como se menciona e trata no artigo El desarrollo de la expresión oral en lengua extranjera de Berraghda Rabéa. Dado
isto, penso que coma docentes de linguas estranxeiras, debemos fomentar enormemente
este tipo de actividade que poidan reforzar a expresión oral, que moitas veces non
está tan desenvolvida coma outras destrezas entre o noso alumnado.
Como dicía no parágrafo anterior, debemos
incentivar a realización de exercicios orais na clase e, coma profesores e
profesoras, somos nós os que temos a obriga de crear estas actividades. Estas tarefas
na clase non se teñen que limitar soamente a ser exposicións, como se pode
supoñer, senón que debemos engadir durante toda a clase pequenas formas de
interacción en lingua estranxeira entre os alumnos e alumnas para que falen
desenfadadamente entre eles. O verdadeiramente importante é que todos e todas
poidan falar e expresarse o máximo de tempo posible durante o que dura a sesión.
Tamén vimos durante as clases, a importancia de
proporcionar feedback e que este sexa o apropiado para cada tarefa e
momento. Con isto refírome a dous factores: a motivación e os contidos
avaliados. Para manter a motivación dos nosos estudantes elevada, temos que
darlles unha serie de críticas sempre construtivas dende as boas palabras e
remarcar igualmente todo aquilo que fixeron exitosamente na súa tarefa, sempre centrándose na propia actividade e non na persoa. Podemos
utilizar a técnica sándwich, na que comezamos dicindo algo positivo, seguimos o
feedback con algo a mellorar e rematamos con outro dato bo. Desta maneira,
o alumnado mantén a motivación, pero recibe a información para continuar desenvolvéndose
na lingua estranxeira. Tamén mencionei que o feedback ten que depender dos
contidos avaliados nesa actividade concreta. Isto quere dicir, por exemplo, que,
se unha actividade oral está destinada á práctica da pronuncia, os comentarios
deben xirar arredor deste factor e non teñen por que centrarse nese momento na construción
gramatical; para iso, pódese facer outra actividade que si se focalice nesa
característica da lingua.
Nesta seguinte ligazón a un artigo da páxina da UOC, resúmese moi ben como utilizar o feedback de forma axeitada para que haxa un progreso notable no noso alumnado: https://blogs.uoc.edu/epce/es/saca-maximo-provecho-feedback-aprendizaje-webinar-teresa-guasch-anna-espasa/
En resumo, este tema 3 representa un ámbito
moi extenso, cheo de temáticas moi variadas que abren debates de grande
interese para todo docente de linguas estranxeiras. A introdución da mediación
na aula de secundaria, a incentivación das actividades de expresión orais ou a
importancia dun bo feedback son só tres exemplos de como fomentar a
mellora das habilidades lingüísticas en lingua estranxeira do noso alumnado
durante as clases.
Referencias externas a:
Volume Complementario do MCERL - Consello de Europa
El desarrollo de la expresión oral en lengua extranjera - Berraghda Rabéa (Universidade de Bouzaréah)
Saca el máximo provecho al feedback en el aprendizaje - Clara de la Torre Fernández (Universitat Oberta de Catalunya)


Ola, Pedro!
RépondreSupprimerQuería aproveitar para deixarche un comentario xa que non podo estar máis dacordo contigo e gustaríame afondar nun punto concreto. Se algo ten de imprescindible a mediación é esa posibilidade de achegar o alumnado a situacións reais que non vexan desligadas da súa realidade e do seu día a día. Introducir as linguas en actividades deste estilo aumenta as posibilidades de apreciar a utilidade dos idiomas en segundo que contextos e anima o alumnado a seguir aprendendo mentres vén as aplicacións dos mesmos.
Noraboa pola túa entrada e seguímonos lendo!
Saúdos,
Xoana.
Bo día, Pedro!
RépondreSupprimerAlégrome de ler o teu artigo porque a verdade é que concordo contigo en todo o que escribiches.
O que máis me gustou foi a túa explicación de como ten que ser o feedback que lle imos dar ao noso alumnado. En tamén opino que un bo feedback ten que ser específico e construtivo para o estudante e que non se debe centrar na súa persoa, senón que debe estar relacionado coa actividade que se estivo a realizar para que poida ser efectivo ao cen por cen. Desta maneira, o alumnado poderá comprender como mellorar as súas habilidades e a súa realización. Polo tanto, é crucial non sinalar soamente os erros, tamén é importante ser equilibrados e dicirlles con todas as letras aquilo que levaron a cabo á perfección. Outra cousa que atopo realamente importante é a constancia do feedback, penso que non serve de moito dar retroalimentación unha vez cada moito tempo, os comentarios deben facerse a miúdo para que o alumnado se acostume a escoitar e corrixir os seus erros sen problemas e entender que non pasa nada malo por ter que cambiar ou axustar os resultados das súas tarefas durante a súa etapa de aprendizaxe.
Unha aperta,
Marcelo